Thursday 25 de April de 2024

Concello e confraría da Pobra apostan pola formación no cultivo de semente en batea


Froito do traballo conxunto entre a Concellaría do Desenvolvemento Local da Pobra do Caramiñal e a confraría de pescadores, nace o curso Técnicas de cultivo de semente en batea destinado a socios e tripulantes da entidade que realizan a súa actividade laboral nos bancos marisqueiros en autorización, dispoñéndose dun total de 45 prazas.

A dita acción comezará no 23 de maio e estenderase ata o mes de setembro e consta dunha sesión teórica e dez prácticas para o cal se empregará un artefacto flotante que consiste nunha batea a pequena escala cedida pola Consellaría do Mar e financiada para o seu traslado e posta en marcha por parte da Administración local para contribuír así á rexeneración dos bancos marisqueiros, tal e como apuntaron a concelleira do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG), e o patrón maior da confraría, Enrique Maceiras. Pola súa parte, a bióloga da entidade, María Mar Pombal, explicou que no inicio deste proxecto empregarase na totalidade un millón de unidades de semente de ameixa.

Os contidos a impartir son a morfoloxía dos moluscos, o ciclo reprodutivo da ameixa, as técnicas de preengorde de semente de moluscos e o cultivo en batea de ameixa.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 16 de maio na propia confraría pobrense.